Pontevedra mantén vivo o recordo dos fusilados en novembro de 1936
O recordo aos dez fusilados polo franquismo o 12 de novembro de 1936 volveu a brillar con forza este domingo, coincidindo co 81 aniversario do seu asasinato. A cidade de Pontevedra rendeu de novo homenaxe aos represaliados cun emotivo acto celebrado na praza que leva o nome dun deles, o avogado José Adrio Barreiro.
Numerosos pontevedreses quixeron acompañar os familiares das dez vítimas para realizar un sentido e emocionado recordo, mantendo viva a chama da memoria histórica e non esquecer os acontecementos que seguiron ao golpe de estado de 1936.
"Como persoas decentes e sensibles que somos, rendemos e seguiremos profesando anualmente a nosa máis profunda homenaxe de respecto", destacou Miguel Anxo Fernández Lores, que interveu no acto en nome de todos os pontevedreses.
Xunto con Adrio Barreiro, foron fusilados polos fascistas os médicos Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez e Luís Poza, os mestres Paulo Novás, Germán Adrio e Benigno Rey, o xornalista Víctor Casas, o capitán Juan Rico e o editor Ramiro Paz.
Todos eles eran significados republicanos, de distintas ideoloxías, idades e procedencias, que tiñan o nexo común de defender o lexítimo goberno da II República.
"Acabaron coas súas vidas, vestiron dun longuísimo loito ás súas familias, pero nunca poderán acabar coa seu espírito brillante e comprometido co progreso da sociedade do seu tempo", engadiu Lores, que sinalou que esta cidade "sempre os manterá na súa memoria".
Pero nesta ocasión, o Concello quixo recoñecer tamén ás sete viúvas e os 33 nenos que quedaron orfos, dous deles aínda no ventre das súas nais e que tiveron que sufrir nas súas carnes, non só a dor de perder a un marido ou a un pai, senón tamén a represión que despregou contra eles a ditadura franquista.
Lola Lois, Aurora Poza, Matilde Caamaño, Isabel Gómez, Carmen Julián, Blanca Rodríguez e Rita Sobrido son as mulleres que tiveron que saír adiante soas xunto aos seus fillos e fillas.
O acto, celebrado ante o monólito que lembra os fusilados e onde se depositaron numerosos caraveis vermellos, contou tamén coa participación de concelleiros do BNG, PP e Marea, da xornalista Montse Fajardo, coordinadora do programa A memoria das mulleres, e da música de Marcelo Dobode.