O patrón maior de Bueu, elixido presidente da Federación Provincial de Confrarías
Por Redacción
José Manuel Rosas, actual patrón maior na confraría de pescadores de Bueu, acaba de ser elixido como novo presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra.
Os patróns e vicepatróns maiores primeiros das confrarías de pescadores da provincia reuníronse este venres para elixir os órganos de goberno da federación provincial e designárono como novo responsable, segundo informou a Xunta de Galicia a través dun comunicado.
A xornada electoral desenvolveuse sen incidencias, sendo elixidos nesta xunta xeral os presidentes, vicepresidentes primeiro e segundo e os membros do comité executivo, de conformidade coa regulación contida nos seus estatutos.
Este proceso é unha continuación do iniciado coa elección dos 63 patróns e vicepatróns maiores nas outras tantas confrarías de pescadores de Galicia e desde a Xunta de Galicia destacan que amosa a madurez democrática do sector á hora de elixir aos seus representantes.
Rosas será o presidente e os vicepresidentes primeiro e segundo serán, respectivamente Juan Manuel Gregorio Vaqueiro, da confraría de Aldán-Hío e Clemente Bastos Estévez, de Redondela.
Ademais, formarán parte do comité executivo da federación provincial Ruperto Costa Fernández (Cambados), Susana González Álvarez (Baiona), Silvia Crespo Campos (A Guarda), Juan José Rial Millán (A Illa de Arousa), Antonio Otero Aguín (O Grove) e César Rodríguez Piñeiro (Pontevedra).
Tamén foron elixidos os tres vogais que representarán á federación provincial no comité executivo da Federación Galega de Confrarías. Serán Ruperto Costa Fernández (Cambados), Juan Manuel Gregorio Vaqueiro (Aldán-Hío) e Juan José Rial Millán (A Illa de Arousa).