A Deputación aproba novos investimentos en Vilagarcía e A Lama
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos para A Lama e Vilagarcía de Arousa no marco da liña 1 do vixente Plan Concellos.
En primeiro lugar, o goberno presidido por Carmela Silva aprobou unha achega de 149.102,80 euros para A Lama que serán destinados á execución dun depósito para almacenamento de auga e unha rede de distribución con acometidas domiciliarias para as e os habitantes de Aredo, Barreiras, Outeiro e Xesta, todas elas na parroquia de Xesta.
É a última achega do plan Concellos deste ano para a vila que completa así os seus investimentos.
Este ano, a través do plan provincial, a Deputación puxo a disposición da Lama 814.328,90 euros, un 73,58 % máis que en 2017.
Amais, o goberno aprobou unha achega por un valor total de 166.701 euros para Vilagarcía de Arousa.
Con este investimento da Deputación de Pontevedra a vila do Salnés poderá adquirir un camión con equipo aspirador-impulsor destinado á limpeza da rede de saneamento.
Este ano, a través do Plan Concellos, a Deputación destina a Vilagarcía 2.411.533,08 euros, o que supón un 72,62% máis que o ano pasado.