Invisten máis de 320.000 euros en melloras viarias en Lourizán e Marcón
Por Alejandro Espiño
Dous barrios de Lourizán e un terceiro en Marcón. Son os tres ámbitos do rural de Pontevedra nos que o Concello investirá máis de 320.000 euros nunha serie de melloras viarias coas que, segundo o goberno municipal, esténdense os estándares de calidade urbana da cidade.
Trátase dos lugares do Outeiro e O Rial (Lourizán) e da Peralba (Marcón). As tres actuacións, destacaron os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña, foron demandadas polos respectivos consellos parroquiais.
En Lourizán vanse a investir 160.350 euros na rehabilitación e asfaltado das vías do Outeiro e O Rial. O goberno destaca que son traballos "moi complexos", ao ser dúas zonas densamente poboadas e que gardan as trazas propias dunha parroquia mariñeira con camiños moi estreitos e sinuosos ou puntos de cota moi elevada.
Polo que respecta á actuación na Peralba, o investimento previsto é de arredor de 165.000 euros. A redacción deste proxecto foi en paralelo a pequenas actuacións na zona.
Os traballos previstos inclúen novo pavimentado en 900 metros lineais de estrada, 500 metros de canalización de augas pluviais, a instalación de medidas de calmado de tráfico e seguridade, como a colocación de varandas nalgúns tramos, e sinalización.
Ambos proxectos "aínda non están pechados", segundo Demetrio Gómez, polo que o Concello manterá xuntanzas cos veciños para debater con eles cuestións pendentes de acabar como as zonas de aparcamento ou a localización exacta de tubos privados de auga.
A reunión cos veciños de Lourizán será este xoves 8 de novembro, ás 20.00 horas, no centro parroquial; mentres que os de Marcón están convocados para o venres 9 de novembro, ás 20.15 horas, na casa parroquial.