Oito entidades bancarias, interesadas no préstamo que solicitará o Concello
Por Redacción
O Concello avanza na tramitación dun préstamo de 1.980.000 euros que ten previsto solicitar para financiar diversas actuacións na cidade.
O edil de Facenda, Raimundo González, explicou que ese diñeiro destinarase a obras de accesibilidade, tanto na cidade como no rural, e á rehabilitación integral do pavillón multiusos da Xunqueira.
Oito foron as entidades bancarias que presentaron ofertas para conceder este préstamo. Trátase de Kutxabank, Abanca, Bankia, BBVA, Unicaja, Caixabank, Caixa Geral e Banco de Sabadell.
As catro mellores ofertas pasarán a unha segunda volta neste proceso de licitación, de forma que poidan mellorar as condicións ofertadas neste préstamo.
AXUDAS A ENTIDADES SOCIAIS
A Xunta de Goberno acordou ademais destinar 15.300 euros a dez entidades culturais de Pontevedra para financiar parte da súa programación anual.
Son Asociación Dúos Pontes, Asociación Cultural O Burgo, Asociación Recriativa de Xeve, Asociación Sociocultural Cedofeita, Casino Mercantil e Industrial, Fundación Amigos de Galicia, Asociación Gaiteiros Os de Algures, Asociación etnográfica Sete Espadelas, Fundación Cuña-Casasbellas e asociación de veciños Salcedo Norte.
Ademais, tamén se aprobou unha subvención de capital de 50.000 euros á entidade Down-Xuntos para colaborar no proxecto de reforma do seu novo local na rúa Gorgullón, unha obra valorada en 330.000 euros.