Rescatan da auga unha muller na praia de Portugalete en Carril
Por Redacción
Unha muller foi rescatada este domingo da auga na praia de Portugalete, en Carril, tras ser localizada inconsciente e flotando.
Segundo explica o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, foron particulares os que alertaron da situación poucos minutos antes das 13:00 horas, solicitando asistencia urxente para a muller.
Unha moza que paseaba pola zona puido sacala da auga, e tras ser atendida por unha ambulancia do 061 foi evacuada, xa consciente, ao centro hospitalario de referencia, tal e como confirmou Protección Civil de Vilagarcía de Arousa.
Axentes da Policía Nacional e a Policía Local, ademais do servizo de emerxencias de Vilagarcía sumáronse ao dispositivo. Tamén se deu aviso ao persoal de rescate de Salvamento Marítimo, aínda que non foi necesaria a súa intervención.
Polo momento descoñécense as circunstancias nas que se produciu o suceso.