A Asociación de Persoas Xordas trata de "desmitificar ideas erróneas que aínda perduran"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Asociación de Persoas Xordas de Pontevedra está a levar a cabo, desde o mes de outubro ata o mes de decembro, unha serie de charlas informativas e de sensibilización sobre a comunidade xorda para diferentes organismos públicos e privados.
Nestas charlas preténdese achegar á sociedade as características do colectivo de persoas xordas, a lingua de signos española, a figura profesional do intérprete de lingua de signos española, entre outros obxectivos.
Ademais queren "desmitificar ideas erróneas que aínda perduran na actualidade" sobre este colectivo, a súa lingua natural, e dar a coñecer as barreiras de comunicación e de acceso á información coas que teñen que lidar no seu día a día e que levan arrastrando durante anos.
Estas charlas están a levarse a cabo en centros de saúde, Policía Local, concellos, o Colexio Oficial de Farmacéuticos, asociacións de veciños ou entidades sociais.
Con este tipo de accións a entidade pretende dar a coñecer o seu labor pola loita en prol da inclusión e o acceso universal á comunicación e información das persoas xordas.