Preparan un "ambicioso" proxecto para peonalizar a Ponte do Burgo e recuperar o seu estado orixinal
Por Alejandro Espiño
A Ponte do Burgo está no punto de mira do goberno municipal. Quérese peonalizar e recuperar o seu aspecto histórico. Pero estes plans chocan frontalmente coa situación económica do país. "Poderíamos peonalizalo mañá mesmo se só fora un asunto de tráfico", explicou o concelleiro de Patrimonio, Luís Bará. Pero o Concello de Pontevedra ten en mente un plan de actuación moito máis ambicioso para "o punto de nacemento da cidade".
Trátase dunha peonalización prevista nos estudos de tráfico que manexa o goberno municipal, especialmente trala entrada en funcionamento da Ponte das Correntes. "Actualmente o seu tráfico é residual", asegura Bará, polo que o seu peche á circulación "non causaría grandes problemas". Un plan que iría acompañado da eliminación dun dos catro carriles da Avenida do Uruguai, o máis próximo ao río.
"Non ten sentido facer unha actuación para darlle prioridade aos peóns e logo para cruzar a Valentín García Escudero atopen catro carrís e un semáforo a varios metros", sinalou o edil nacionalista. A intención do Concello de Pontevedra é buscar unha solución similar á aplicada diante da Audiencia Provincial, na rúa Rosalía de Castro, "unha zona máis de preferencia peonil e cunha única plataforma de paso".
Ademais, estes plans relacionados coa circulación rodada completaríanse cunha actuación de rehabilitación da vella ponte. Non só na súa superficie, na que se quere crear unha plataforma única para os peóns, eliminando o actual pavimento, senón tamén en toda a súa estrutura. Por exemplo, explicou Luís Bará, recuperando o aspecto que a ponte históricamente, retirando os engadidos incorporados a mediados do século pasado.
Pero en todo caso, non será este ano. Esta actuación suporía un investimento superior ao millón de euros "e agora mesmo non podemos afrontalo porque hai cuestión máis urxentes". Bará espera que o Concello poida recuperar estes traballos de cara a 2014. E para iso intentarase negociar coa Xunta de Galicia e o Goberno central para que colaboren con esta obra, tendo en conta o carácter patrimonial da Ponte de O Burgo.
MELLORAS EN VALENTIN GARCIA ESCUDERO
Luís Bará detallou estes plans nunha comparecencia de prensa na que anunciou novos plans para Valentín García Escudero. Ademais dos traballos que se están levando a cabo actualmente para soterrar gran parte do xacemento arqueolóxico descuberto na zona, adiantou que se investirán 60.000 euros na construción dun parque infantil que se situará nun dos dous extremos da praza.
Ademais, realizaranse pequenas melloras para unha maior integración de todo esta contorna coa rúa Real e a Praza do Peirao, sinalizarase o xacemento en superficie para ofrecer información sobre os achados realizados, ampliarase a actual parada de autobús e cambiarase a ubicación da réplica do miliario romano, que pasará a estar máis próximo ao lugar que a construción orixinal ocupaba históricamente, nas inmediaciones da Ponte do Burgo.
Todo iso súmase á segunda fase das obras para cubrir o xacemento. Quedará ao descuberto aínda a zona da praza pola que atravesa o Camiño Portugués a Santiago. Trátase dun proxecto que debe autorizar Patrimonio da Xunta de Galicia e que, en todo caso, sinalou o concelleiro Luís Bará, non se poderá executar, debido á súa tramitación administrativa, ata o próximo ano.
Neste sentido, o Partido Popular criticou que con respecto a Valentín García Escudero o Concello de Pontevedra "no tenga proyecto" e vaia "improvisando sobre la marcha". Así o denunciou o concelleiro Ricardo Aguilar, que recordou que o xacemento leva nese estado uns sete anos e en toda esa contorna "se ha gastado más de 2 millones de euros". Concluíu afirmando que "el problema es que no saben aún lo que quieren hacer".