Leonor González, Pilar Allegue e Engracia Vidal, protagonistas do Coloquio Mulleres e compromiso político e social
Por Redacción
O Concello de Pontevedra organiza o coloquio "Mulleres e compromiso político e social", acto que terá lugar o vindeiro martes 30 de outubro, ás 19.30 horas, na Casa da Luz.
O acto, que se enmarca dentro das actividades que promove o programa A Memoria das Mulleres, contará coa presenza de Leonor González, Pilar Allegue e Engracia Vidal e ten como un dos obxectivos o recoñecemento da traxectoria destas mulleres e do seu compromiso político e social. A experiencia destas mulleres será compartida coas persoas asistentes nun espazo de debate aberto ao público.
Leonor González foi presidenta da Asociación pola Defensa da Ría e dedicou boa parte da súa vida á loita pola recuperación da ría de Pontevedra.
Pilar Allegue foi unha das primeiras concelleiras no Concello de Pontevedra, ocupou diferentes postos de relevancia a nivel político ademais de realizar a súa carreira profesional como profesora na Universidade de Vigo.
Engracia Vidal foi unha das promotoras da Revista Encrucillada. Militante da política, do ambientalismo, na defensa da lingua e na xustiza social.
O evento inaugurase coa proxección dunha pequena peza documental sobre as tres mulleres e estará guiado por María Xesús López Escudeiro, quen será a encargada de darlle a quenda de palabra ás protagonistas. Seguidamente, finalizadas as intervencións, abrirase un espazo de debate para a intervención do público.