Vilariño segue rendendo tributo ó traballo no agro 32 anos despois
Por Redacción
A organización da Festa do Labrego, na parroquia de Vilariño, vai celebrar a trixésimo segunda edición, este domingo 26 de maio, no que sobresaen as actuacións musicais e os cuantiosos premios para tractores e carricaos concursantes.
Os participantes irán saíndo dende A Modia, Sameiro e Covas de Lobos (estrada xeral) acompañados coma sempre de diversos grupos folclóricos.
Para as 10 da mañá está previsto o desfile de carros do país, tractores, cabalos e carrozas, saíndo do Cruceiro (estrada xeral) ata o recinto situado en Burgáns (fronte ó campo de fútbol), acompañado por varios grupos folclóricos: Cuarteto Tradicional "Bou de Bou" Gaiteiros de Corvillón, Os Carballeiras de Vilariño e Os Cruceiros de Tremoedo emaila Banda de Música de Castrelo.
Durante a xornada desta tradicional romaría celebrarase a homenaxe ós labregos, con misa solemne no recinto, actuacións folclóricas, reparto de chourizos e pan de millo, concerto musical, exposición de produtos agrarios e, xa pola tarde, subasta dos mesmos produtos, ademais dos concursos populares. A comisión quere lograr cada ano unha maior participación dos veciños na exposición de produtos agrarios para demostrar realmente a riqueza agrícola da nosa parroquia.
Os premios incrementan contías
No apartado dos premios, a organización acordou incrementar as contías outorgando 200 euros en metálico máis trofeo, ó tractor mellor engalanado para a ocasión. O segundo será recompensado con 150 euros e trofeo, e o terceiro percibirá 80 euros máis trofeo. O mellor carricao percibirá 130 euros, o segundo 70 euros e o terceiro 40 euros, ademais do correspondente trofeo. O mellor carro do país, opción á que cada ano concurren menos aspirantes, obterá 60 euros e trofeo. Asemade, outorgaráse unha cesta de produtos típicos da nosa terra ó grupo máis numeroso que se xunte a xantar no recinto.
Ademais destes agasallos tamén se recompensará a empanada máis grande, o pan máis grande, os gañadores das carreiras de sacos, os de tiro á corda, os participantes na exposición de produtos agrarios, os da exhibición de cabalos, os grupos folclóricos e os concursantes no tiro de chave.
Dende as 5 da tarde principiarán os concursos populares para continuar coa subasta de produtos agrarios, e maila entrega de premios, rematando á noite coa verbena fin de festa que este ano estará amenizada pola orquestra Canada. Ante a posibilidade de choiva, a organización conta cunha gran carpa para realizar as actividades programadas.