A paraugazos co vixiante tras roubar no HiperFroiz
Por Oskar Viéitez
A Policía Nacional detivo a unha muller de 42 anos de idade, veciña de Poio, con antecedentes policiais, como presunta autora dun delito de roubo con intimidación. Os feitos sucederon sobre as 10.45 horas da mañá do día 16 de outubro cando o encargado do HiperFroiz da rúa Cobián Roffignac chamaba ó 091 da Comisaría Provincial alertando dun roubo con intimidación.
Ao parecer unha muller accedera ao interior do hipermercado e tras subtraer varias pezas de roupa e ocultalas nunha mochila dirixiuse á liña de caixas tratando de saír pola zona non habilitada, onde foi interceptada.
O vixiante de seguridade do establecemento comercial tras comprobar que no interior da bolsa portaba varias pezas de roupa de bebé comunicoulle que ía chamar á Policía. Nese momento comezou a golpealo cun paraguas de forma reiterada, ademais de proferir insultos de todo tipo, logrando fuxir do lugar, aínda que o vixiante logrou arrebatarlle algunha das bolsas coa roupa que subtraera e que contiñan sete prendas de neno valoradas en 74,93 Euros.
Ao lugar dirixiuse inmediatamente unha patrulla policial que tras solicitar datos sobre a presunta autora do roubo con intimidación iniciou un dispositivo de procura pola zona localizando á muller na Praza de Valentín Escudero.
Os axentes procederon á identificación da muller que portaba no interior da mochila máis pezas de neno valoradas en 29, 97 euros.
Unha vez detida foi trasladada á Comisaría da Policía Nacional en Pontevedra. Tramitado o correspondente ateigado policial, a detida foi posta a disposición do Xulgado de garda de Pontevedra.