Mans rosas na Peregrina contra o cancro de mama
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Pontevedra sumouse este venres, cunha concentración na Praza da Peregrina, ao Día Mundial Contra o Cancro de Mama. O obxectivo foi mostrar o apoio a pacientes e familiares que están a pasar por esta enfermidade.
Durante a concentración, pintáronse as mans de rosa con pos Holi e levantáronse á vez que se cantaba o himno da Asociación Española Contra o Cancro, "Dando a cara por ti".
Tamén houbo mesas informativas e de venda de merchandising na Alameda de Marín; en Bueu; no centro de saúde, no mercadiño e na Praza de Abastos do Grove e na Praza Pascual Veiga de Sanxenxo.
O último informe da Asociación Española Contra o Cancro revela que o cancro de mama representa un terzo de todos os cancros femininos e constitúe a primeira causa de mortalidade por calquera enfermidade oncolóxica entre as mulleres españolas. Actualmente, sitúase en segundo lugar en incidencia en España, por encima do cancro de próstata, con 32.825 novos casos en 2018.
Actualmente, ten unha taxa de supervivencia a cinco anos superior ao 90%. O que significa que máis de 90 de cada 100 persoas que padecen este tipo de tumor, continúan vivas cinco anos despois de ser diagnosticadas.