Identifican dúas mozas e dúas menores por furtar roupa en varias tendas cunha hora de diferenza
Por Redacción
Dúas mozas de 19 e 20 anos e dúas menores foron identificadas pola Policía Nacional presuntas autoras dun furto nun establecemento comercial de Pontevedra. Pilláronas en dúas actuacións diferentes, actuando de dúas en dúas e con hora e media de diferenza entre cada operativo.
No caso das menores, os feitos sucederon sobre as 19.15 horas deste luns 20 de maio. Axentes que se encontraban realizando labores de prevención da seguridade cidadá polas inmediacións da rúa Benito Corbal foron requiridos pola responsable dun establecemento comercial tras sorprender dous mozos que trataban de abandonar o local sen aboar unhas pezas.
Segundo informou a Comisaría Provincial de Pontevedra, as menores subtraeran dúas camisetas e dous pantalóns curtos valorados en 30 euros, causándolle danos as pezas tras arrancarlles as etiquetas. Os axentes localizaron entre os seus efectos varias pezas, bixutería e unha navalla coa que presuntamente arrancarían os dispositivos de alarma.
Tras identificalas e cachealas, os axentes trasladaron as menores a dependencias policiais onde contactaron cos seus proxenitores aos que lles fixeron entrega destas. Descubriron que as menores subtraeran roupa, bixutería e roupa interior valorados en 200 euros en cinco establecementos diferentes da zona comercial.
O segundo feito tivo lugar ás 20.45 horas. A Comisaría recibiu unha chamada dunha coñecida tenda da rúa Benito Corbal onde acababan de sorprender dous mozos cando trataban de abandonar o establecemento tras subtraer unha peza de roupa que resultou danada.
Os axentes procederon á identificación das dúas mozas de 19 e 20 anos por unha presunta falta de furto e fixéronlles entrega da correspondente cédula de citación para a celebración de xuízo rápido. Os axentes procederon á incautación das pezas e demais obxectos que entregaron nos establecementos comerciais onde foran substraídos.