Mexillón de Galicia asina un convenio coa Deputación para mellorar as súas instalacións no peirao do Xufre
Por Redacción
O deputado provincial, Carlos López Font, anunciou este xoves en rolda de prensa a sinatura dun convenio de colaboración co Consello Regulador do Mexillón de Galicia para a ampliación da capacidade e renovación das instalacións de control de calidade no peirao do Xufre, na Illa de Arousa, por valor de 35.000 euros.
Con estes cartos financiarase unha caseta desmontable no peirao, así como a dotación de instrumental axeitado para as actividades de control.
O Consello Regulador do Mexillón de Galicia traballa para garantir a calidade dos lotes de mexillón que se descargan nos portos autorizados. De feito, nas unidades de control realízanse probas físicas de control e emítense os documentos de certificación da orixe e calidade do produto.
O Consello Regulador realizou o ano pasado 15.000 controis, o que require dunha loxística adaptada para un desempeño eficaz.