![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/760/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/542949b3d5-areeiro.jpg)
CC BY-NC-SA Asociación de Pensionistas e Xubilados e Mogor
Os xubilados de Mogor demandan a limpeza dos camiños da parroquia
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ca3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/542949e616-bagu-i-n.jpg)
CC BY-NC-SA Asociación de Pensionistas e Xubilados e Mogor
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/278/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/542949ffe4-camin-o-portocelo.jpg)
CC BY-NC-SA Asociación de Pensionistas e Xubilados e Mogor
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/0b2/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/54294a2398-redo-n-2.jpg)
CC BY-NC-SA Asociación de Pensionistas e Xubilados e Mogor
Puerto Pérez, portavoz da Asociación de Pensionistas e Xubilados e Mogor, faise eco das reclamacións dos veciños da parroquia e demanda ao Concello a limpeza e roce dos camiños. Segundo expón "os camiños da parroquia están nun completo abandono por parte do Concello".
"A maleza invade o camiño que vai dende o lavadoiro de San Xurxo até a praia de Portocelo. Este camiño, especialmente transitado nos días de bo tempo para achegarse até a praia, está totalmente invadido de herbas e estrugas de xeito que xa non se aprecia nin a canle da auga, e mesmo se pode un perder se non coñece a senda", din nun comunicado.
O mesmo sucede no camiño Real que vai paralelo á PO-551 e que serve de alternativa tanto para achegarse ao centro da parroquia como á praia de Mogor, e co camiño de Bagüín e o do Areeiro que tamén levan ao vial de praias. "As escaleiras onde remata o camiño xa non se ven, pois a terra acumulase enriba".
Tamén está sen rozar a área de descanso xunto ao depósito da auga, e os arredores do cemiterio parroquial, así como os accesos ao mesmo. Así coma os accesos ao lavadoiro do Redón, restaurado polo anterior goberno municipal. "A maleza é tan alta que xa non se distingue os sendeiros".
A asociación veciñal tamén chama á atención sobre o estado das beirarrúas en Aviador Calviño: "no tramo do terraplén que hai na marxe esquerda indo para Bueu xa non queda espazo para pasar, co conseguinte perigo para os peóns e na volta de Portocelo, o ano pasado no miradoiro cortouse a maleza e segue alí, xa medran as herbas novas e aínda non se retirou o anterior".
Esta asociación de pensionista sinala que a relación "é moito máis longa e daría para encher varias notas de prensa, pero deixamos aquí esta como mostra de como se atopan o resto de camiños, sendeiros e áreas de descanso".
E remata, "os veciños do rural queremos servizos como os do centro do pobo, pois pagamos os mesmos impostos e temos menos. Ademais, a nosa parroquia está chea de atractivos turísticos pero neste momento da vergoña comprobar o estado de abandono no que se atopa".