Ponte Caldelas homenaxeará ao voluntariado coincidindo co aniversario dos lumes do 15-O
Por Redacción
O aniversario dos incendios forestais do 15 de outubro de 2017, que varreron o municipio de Ponte Caldelas, dará pé a unha homenaxe pública ao voluntariado.
O Concello organiza unha xornada de recoñecemento ás persoas que, atendendo ao seu chamado, chegaron de toda Galicia para levar a cabo a campaña de "mulching", o acolchamento con palla do terreo queimado.
O goberno local púxose en contacto cos case 200 voluntarios para invitalos aos actos, que terán lugar a partir das 20.00 horas deste luns, día 15, na Casa da Cultura. O programa inclúe a lectura dunha declaración institucional por parte do alcalde, a proxección dun vídeo con imaxes dos traballos de campo e a inauguración dunha exposición fotográfica na que se poden ver os resultados, meses despois, da aplicación da palla, das sementeiras de centeo e tamén das plantacións con landras de carballo.
O Concello dá por feito que só un reducido número daqueles voluntarios estarán presentes o luns, pero aínda así considera que era importante respectar a data do 15 de outubro polo seu forte simbolismo para Ponte Caldelas. Ao mesmo tempo, considera que volver utilizar a base de datos municipal chamando un por un a todas as persoas voluntarias que se achegaron a Ponte Caldelas é tamén un xeito de amosarlles, novamente, o agradecemento pola súa colaboración.
Durante os lumes do 15 de outubro de 2017 arderon 2.900 hectáreas, un terzo do termo municipal caldelán. O esforzo dos voluntarios permitiu tratar unhas 35 escollidas pola súa sensibilidade ao arrastre das cinzas. Deuse prioridade aos mananciais das traídas de augas veciñais e tamén as zonas de escorrentía cara os ríos Verdugo e Oitavén. Nalgunhas zonas aplicouse palla, noutras utilizouse tamén o método combinado da sementeira de centeo. Finalmente, houbo actuacións puntuais, con centros escolares, para a plantación de árbores autóctonas.
Algúns estudos, como o realizado polo colectivo ecoloxista A Rente do Chan, estiman que as actuacións promovidas polo Concello de Ponte Caldelas evitaron o arrastre dunhas 70 toneladas de cinzas. Non obstante, o goberno local considera que tamén cómpre valorar o exemplo de compromiso social co medio ambiente que Ponte Caldelas deu naqueles días.
Relacionadas:
-
Os efectos da palla para frear a erosión déixanse sentir no barranco do río Verdugo
Por Redacción |
-
Portugal recolle a experiencia de Ponte Caldelas na prevención da erosión nos montes queimados
Por Redacción |
-
Balance positivo do tratamento con palla e centeo do solo incendiado en Ponte Caldelas
Por Gabriela Varela Asorey |