AEMPE inicia un novo curso de dirección e xestión de pemes
Por Oskar Viéitez
A asociación de medianas e pequenas empresas de Pontevedra, Aempe, inicia este mes de outubro unha nova edición da súa "Aula de estratexia empresarial", un curso dirixido ás pemes e destinado a ofrecer un grao de especialización na dirección e xestión.
Este martes, o presidente de Aempe, José María Corujo, presentou esta segunda edición desta aula, acompañado polo director territorial de Ence en Pontevedra, Antonio Casal, que financia este curso de formación a través do Plan Social que desenvolve a empresa pasteira.
José María Corujo destacou que con este curso preténdese aumentar a capacitación dos participantes, incrementar as súas dotes de liderado, así como a súa capacidade de integración en equipos de traballo e de resolución de problemas na súa actividade emprendedora.
O propio José María Corujo encargarase dalgunha dos relatorios que inclúe este curso que será impartido por Olga Vallez, Teresa Rodríguez, Vitoria Rodríguez Conesa, José Telleira, Vicente Domínguez Munáiz, Alberto Fernández, Alexandre Pazos, Jesús Huertas, Patricia Gallego, Gonzalo Garre, Pablo Domínguez, entre outros.
A matrícula é gratuíta e o número de prazas non supera os 30 participantes que se anotarán seguindo a orde de inscrición.
O presidente de Aempe enmarcou esta proposta no apoio complementario que se lle presta aos emprendedores á hora de iniciar unha actividade empresarial, incidindo en que a aula pretende cubrir esa falta de formación da que adoecen algunhas persoas que asumen unha iniciativa empresarial.
Ao longo do programa impartiranse sesións que tocarán diferentes ámbitos como a detección de oportunidades, elección da forma xurídica para poñer en marcha a empresa, a súa estrutura e organización, prevención de riscos laborais, márketing, internacionalización, planificación estratéxica, ferramentas dixitais ou plans de negocio.
O director territorial de Ence, Antonio Casal, mostrou a súa satisfacción por colaborar con este proxecto e destacou a boa acollida do Plan Social ao que, segundo informou, presentáronse 470 proxectos sendo aceptados un total de 296 proxectos, setenta máis que na primeira edición.