Os veciños piden que a pista de acceso á praia de Foxos sexa só para residentes
Por Oskar Viéitez
Os veciños da praia de Foxos expresaron a súa fartura polo estado que presentan os accesos a este areal. Lembran que xa presentaron catro instancias no Concello de Sanxenxo "sen que ata a data se conseguise facer algo por parte deste salvo algunhas pequenas reparacións".
A súa principal demanda é a pavimentación da pista de entrada tanto ás casas como á praia. Esta vía soporta o paso de numerosos vehículos "que levantan unha gran nube de po de terra en días secos" e que se transforma en "unha lameira no inverno" agravado pola ausencia dunha canalización de pluviais e a presenza de maleza.
"Este é sen dúbida o primeiro e máis grave problema ao que nos enfrontamos todos os días", relatan estes veciños que citan o caso dalgún deles "que presentan síntomas asmáticos e de alerxias" e que debido a esta circunstancia "non poden abrir nin unha soa xanela das súas casas".
Ademais, suman outras queixas como que esta pista carece de zona onde realizar o cambio de dirección, "tendo que soportar os veciños que o mesmo se realice diante das entradas ás súas vivendas".
Os veciños apuntan que de non poder ser asfaltado este viario, por estar en zona de Rede Natura, "si se pode pavimentar con outros materiais ecolóxicos tal e como se acaba de facer na baixada á praia de Areas Gordas".
Finalmente, engaden que non se respecta a prohibición de aparcar no lateral das casas e ademais explican que a colocación do chiringuito nos meses de verán ao final da devandita pista empeora as deficiencias antes expostas.
Por todo iso, os veciños solicitan que dita pista se converta "en peonil con acceso só a residentes".