O goberno local presentará en novembro o proxecto da zona portuaria de Portonovo
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo anunciou que presentará en novembro o proxecto de mellora da zona portuaria de Portonovo, co compromiso adquirido para os dous últimos anos de mandato de acordalo con veciños, hostaleiros, comerciantes e mariñeiros antes de maio de 2019.
O goberno ten a intención de presentar o proxecto no mes de novembro e, unha vez que este sexa acordado con todas as partes, iniciar as xestións coa Consellería de Mar e con Portos de Galicia, que son os organismos que teñen as competencias. No caso de Portos correspóndelle a aprobación do plan director de usos do porto de Portonovo.
O proxecto ten como obxectivo mellorar e ordenar as instalacións do porto pesqueiro, o edificio definitivo de club de piragüismo, dotar a Portonovo dun parking cun mínimo de 250 prazas e xerar amplos espazos públicos e zonas verdes.
Cada un destes obxectivos leva a ordenación dos espazos existentes, de maneira que non haxa actividades que prexudiquen ou interfiran noutras. Por exemplo, a chaira portuaria onde está o travelift e os barcos en reparación é unha zona que se creou para a actividade pesqueira, pero a falta de espazo obrigou a convertela tamén en parking e, cando hai algún evento, acábase utilizando para a colocación de carpas, escenarios e outros elementos das festas.
Segundo o goberno local, o proxecto de Portonovo está "moi avanzado", trátase dunha actuación "moi ambiciosa e complexa" que vai permitir á vila mariñeira "xerar as condicións necesarias para desenvolver todo o seu potencial económico e turístico".
Este goberno asegura que Portonovo ten que volver converterse "na vila do tapeo por excelencia".