O Concello restaura o camiño de acceso a Pazos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade segue desenvolvendo con intensidade o seu Plan de Vías Municipais 2018 aproveitando o tempo seco que favorece a realización destas obras e acaba de trasladar as súas actuacións á parroquia de Carballedo, onde se está acometendo a restauración do camiño de acceso ao lugar de Pazos.
Estes traballos, que foron supervisados polo presidente municipal, Jorge Cubela, atópanse en fase de execución e contan cun orzamento de 24.000 euros.
A mellora desta vía interior que permite conectar o lugar con Carballedo estase a realizar cunha potente soleira de áridos e a instalación de mallazo metálico na súa base co obxectivo de facelo máis consistente e evitar así o seu rápido deterioro pola escorrentía das augas ou as cargas de tráfico de vehículos.
A parroquia de Carballedo xa se beneficiou este ano, na área de infraestruturas, coa creación do vial traseiro do colexio público e a dotación dun aparcadoiro para autobuses do transporte escolar e, tras a actual obra en Pazos, tamén contará con melloras nos accesos ás zonas residenciais de Atalaia e Trabazo e á conexión da parcelaria en Igrexa. En total, vanse investir máis de 120.000 euros só na rede viaria.
O rexedor local destacou que as obras realizadas e as proxectadas "deixan a trama urbana e as conexións da parroquia en perfectas condicións" e destacou que o Concello "está a facer un esforzo inxente e millonario no acondicionamento de vías en todas as parroquias, xa que a mobilidade axeitada é fundamental para incrementar a calidade de vida dos veciños nun municipio grande e coa poboación espallada coma o noso".