Día decisivo para 2.348 pontevedreses aspirantes a unha praza de traballo en Correos
Por Redacción
Este domingo 30 de setembro foi un día decisivo para 2.348 persoas de toda a provincia de Pontevedra que aspiran a unha praza como persoal laboral fixo en Correos.
A partir das dez da mañá, examináronse na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus da cidade do Lérez para optar a algún dos 2.295 postos de traballo fixo que saíron en toda España, 123 deles en Galicia.
Fontes oficiais de Correos confirmaron que a xornada se desenvolveu sen incidentes. Os exames realizáronse de forma simultánea en 70 edificios de 30 cidades españolas, pois os aspirantes poden optar ás prazas ofertadas na súa comunidade ou en calquera outro punto de España que elixisen.
No caso de Galicia, os aspirantes da provincia pontevedresa examináronse no campus da Xunqueira e o resto, na facultade de Económicas do campus de Santiago de Compostela.
Os postos ofertados son de categorías operativas de repartición motorizada e a pé no ámbito urbano e rural, axente/clasificación e atención ao cliente en oficinas e en toda España inscribíronse máis de 116.000 persoas. Os aspirantes que superen o proceso incorporaranse ao persoal de Correos, previsiblemente, no primeiro trimestre de 2019.