O San Miguel de Marín, entre a tradición e a festa popular
Por Diego Torrado
Como manda a tradición, Marín viviu este sábado a festa de San Miguel, unha celebración na que, por primeira vez, coincidiron o mesmo día as dúas citas máis multitudinarias e esperadas destes festexos: a procesión do santo coa Danza das Espadas e a festa de San Migheleiro.
As dúas citas teñen un ambiente e ton moi diferente, pero lograron convivir e rivalizaron en asistencia.
A xornada comezou coa cita máis relixiosa e tradicional, a misa no Templo Novo coa súa posterior procesión e a agardada Danza das Espadas, unha festa declarada de interese turístico de Galicia e que para a súa protección, investigación e difusión conta co Padroado de Mareantes de San Miguel.
Como é habitual, centos de persoas congregáronse ao longo do percorrido para non poder detalle da tradicional e vistosa cita.
Xa ao mediodía foi a quenda da festa máis popular e pensada para o público máis novo de Marín, a de San Migheleiro, que este ano chegou á súa XXVIII edición repetindo éxito de público. Como xa é habitual, non faltaron as barras de locais e bebidas na rúa e a festa tivo animación musical con charangas e concertos durante todo o día.