O Concello de Pontevedra mostra o seu apoio aos 19 de Meirás
Por Diego Espiño
A só uns días de que comecen, o vindeiro venres en Betanzos, as declaracións xudiciais, o Concello de Pontevedra quixo mostrar o seu apoio aos coñecidos como 'os 19 de Meirás'.
Unha representación desas 19 persoas reuniuse este mércores co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen defendeu a necesidade de "acabar cos restos do franquismo neste país".
Entre os denunciados pola Fundación Francisco Franco por realizar en agosto de 2017 unha acción reivindicativa no Pazo de Meirás para esixir á familia do ditador a súa devolución ao pobo galego, atópase o pontevedrés Alberte Fernández, secretario xeral de Galiza Nova, e o marinense Bieito Lobeira, membro da executiva do BNG, ademais doutros compañeiros da formación nacionalista como Rubén Cela e Néstor Rego ou o que fóra secretario xeral de CIG, Suso Seixo.
A todos eles a fundación denunciante pídelles penas de prisión que desde os tres e medio aos 13 anos por presuntos delitos de violación de morada, contra a honra, danos ou por delito de odio.
"Temos confianza de que isto non vai ir moito máis alá porque as acusacións son disparatadas", sinalou Néstor Rego, asegurando que tanto el como os seus compañeiros atópanse "moi tranquilos e moi firmes" nas súas conviccións.
Coincidindo coa primeira xornada de declaracións en sede xudicial, o vindeiro venres convocouse unha concentración de apoio aos 19 de Meirás ás 10:00 horas ante os xulgados de Betanzos.