Elvira Vázquez, a "muller brava" da Reigosa celebra os seus 103 anos
Por Redacción
En plenas facultades físicas celebrou Elvira Vázquez Martínez o seu 103 aniversario. Acompañada da súa familia, na súa casa da Reigosa e coa visita do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, soprou as candeas.
Elvira goza das atencións dos seus despois dunha vida dura, marcada polas inxustizas duns tempos pasados na Galicia rural, na que as cousas non eran fáciles. A centenaria da Reigosa naceu en Baltar (parroquia de Xustáns) o 17 de setembro de 1915.
A totalidade da familia (agás un fillo emigrado no Brasil) xúntase tódolos anos para celebrar un aniversario moi especial.
O goberno local caldelán fíxolle chegar unha torta de aniversario e un ramo de flores.
Elvira ten tres fillos, seis netos e un bisneto e reside cunha das súas fillas, que se ocupa directamente do seu coidado. O seu estado de saúde é bo e a súa cabeza funciona á perfección, fala con soltura e móvese sen axudas. Tan só vai un pouco curta de ouvido.
A súa filla conta con orgullo a coraxe desta muller, que foi quen de criar aos seus fillos como nai solteira nun momento e nunha contorna na que isto non era fácil. "Traballou moi duro toda a súa vida e esforzouse para que hoxe todos poidamos estar aquí; oxalá dure moitos anos máis con nós", destacou.
Na familia de Elvira presumen de ser "de boa raza" pois escasean os problemas de saúde e o fillo maior xa conta con 81 anos.