Arde un galpón por completo ao carón dunha vivenda na Lama
Por Redacción
Un galpón situado ao carón dunha vivenda e no que se refuxiaban diversos animais resultou completamente calcinado.
Por fortuna, ningunha persoa resultou ferida e os animais puideron ser retirados a tempo nada máis comezar o lume. Tampouco a vivenda viuse afectada. Iso si, as lapas, calcinaron un tractor, distintos apeiros de labranza e diversas pacas de herba seca que se acumulaban no interior do galpón.
Segundo informou o 112, nada máis recibir a chamada dos donos, sobre as 22:45 horas deste domingo, pasouse aviso aos Bombeiros de Ribadumia que se desprazaron ao lugar da Carballeira, na Barcia do Seixo, no concello da Lama. Do mesmo xeito, os efectivos de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén- Tea tamén foron informados da situación.
Ás 02:30 horas, os membros do parque de Ribadumia comunicaban a total extinción do lume. Con todo, aínda que os rolos de herba que non arderon foron removidos e arrefriada a zona, fixeron quendas de vixilancia para evitar que o lume se reproducise.