O equipo municipal de Sanxenxo reforzarase con 132 traballadores en verán
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo ofertará 132 postos de traballo co fin de reforzar o equipo municipal durante a tempada de verán "nun municipio que ve incrementada notablemente a súa poboación na campaña estival e que, polo tanto, debe aumentar proporcionalmente as súas dotacións para ofrecer a mellor cara e os mellores servizos de xeito que sexan acordes coa categoría deste importante destino turístico", sinalou o concelleiro de Personal, Salvador Durán.
O edil destacou así mesmo o grande esforzo que realiza para iso a Administración local, xa que a ampliación do persoal nos meses de xullo e agosto leva consigo un investimento que ascende a 411.643 euros "unha contía considerable que ademais de permitirnos garantir a calidade das prestacións favorece que poidamos contar cunha destacable bolsa de traballo que aliviará a situación de moitas familias".
O plan considera a contratación de 26 auxiliares que se sumarán ao equipo habitual da Policía Local, para o que se destinará unha cantidade de 109.660,71 euros. 16 dos seleccionados desempeñarán a súa función durante dous meses mentres que outros 10 o farán por tres meses.
O Concello dedicará ao servizo de Vixilancia en Praias un total de 179.133,95 euros correspondentes á incorporación de 60 socorristas e sanitarios e un coordinador, que se ocuparán de preservar a seguridade dos usuarios dos areais "algo indispensable se temos en conta tamén que estamos a falar do municipio con máis Bandeiras Azuis de todo o país".
Serán 37 as persoas que se agreguen temporalmente ao departamento local de Limpeza de Praias, das que 12 permanecerán nesta área ao longo de seis meses e outros 25 durante dous meses. O edil explicou que dos 95.508,68 euros necesarios para iso, 55.161,22 serán achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan de Emprego Provincial.
A empresa pública Nauta Sanxenxo tamén precisará ampliar a súa dotación de persoal en verán, época na que se intensifica a actividade das instalacións que xestiona como son o aparcadoiro situado debaixo da Praza do Mar, a lámina de auga e os locais comerciais do Porto Deportivo Juan Carlos I. Esta sociedade de capital cen por cento municipal convocará catro prazas de mariñeiro, tres de auxiliares para o aparcadoiro e outra para Capitanía. Neste caso os contratos formalizaranse por un período de dous meses e medio e unha contía xeral de 27.340,50 euros.