Todos os socorristas galegos formaránse en Sanxenxo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A alcaldesa, Catalina González, subscribiu un convenio de colaboración co director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública, Santiago Villanueva, co obxectivo de que Sanxenxo sexa sede oficial da formación práctica correspondente ao certificado de profesionalidade de Socorrismo en espazos acuáticos naturais.
A experiencia e representatividade do Concello de Sanxenxo nesta materia, ao incorporar cada verán ao servizo municipal de vixiancia en praias a máis de 65 persoas, foi determinante, en palabras do concelleiro de Persoal, para que a Xunta de Galicia "escollese os nosos areais para a celebración dos módulos prácticos desa titulación, que a partires de agora impartirá exclusivamente a Administración autonómica e non empresas privadas como viña ocorrendo ata o momento".
Para iso, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza creou un rexistro no que deberán apuntarse os posuidores deste título, que terán un prazo de cinco anos para adaptarse á nova normativa.
Así, tal e como recolle o artigo 4 do decreto 104/2012, de 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima de socorristas acuáticos, para o exercicio desta disciplina na Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario que os interesados soliciten a inscripción no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia presentando a preceptiva declaración responsable e dispoñendo da correspondente habilitación.
ÿ dicir, "terán que contar coa certificación oficial superando un curso de 388 horas das que 80 son prácticas que, non caso da especialidade en espazos acuáticos naturais, realizaranse en Sanxenxo", puntualizou Salvador Durán, quen matizó que de non ser así "non poderán exercer como socorristas na comunidade galega".
Será, pois, a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a encargada de impartir estes módulos incluídos nas accións formativas da Consellería de Traballo e Benestar dirixidas a desempleados e que teñen como finalidade proporcionales a cualificación necesaria para desempeñar unha ocupación concreta e adecuada ás necesidades do mercado laboral galego.
En virtude do acordo asinado, o Concello de Sanxenxo acollerá aos alumnos do curso de Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais que se imparta na AGASP entre abril e xuño e colaborará na realización das prácticas de acordo cos criterios establecidos pola comisión mixta de seguimiento que se cre a tal fin. Pola súa banda, a Academia encargarase de dotar aos participantes de todo o material necesario e dos necesarios seguros de accidentes durante a realización do módulo, así como de informar á Administración sanxenxina sobre o contido do programa formativo.