Falece Francisco Lage, ex-xefe dos Bombeiros de Pontevedra
Por Redacción
Os Bombeiros de Pontevedra están de loito tras o falecemento do que fora sarxento xefe do parque pontevedrés. Francisco Lage faleceu este mércores 19 de setembro aos 74 anos de idade.
Moi coñecido na cidade polo seu labor e polos seus anos de servizo, Lage xubilouse en 2009 tras 36 anos como bombeiro. Trinta deles estivo á fronte da unidade.
O funeral polo seu descanso terá lugar este venres na Igrexa do Divino Salvador de Soutomaior, tras a saída prevista do Tanatorio de Arcade Salgueirón ás 18:15 horas. Despois procederase á súa incineración na intimidade familiar.
Por expreso desexo dos seus achegados, rógase que non se envíen flores e que ese importe sexa destinado como doazón á Asociación Española Contra o Cancro.
A Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros expresou o seu sentido pésame á familia.
Tamén desde o Concello de Pontevedra transmitiron a súa dor e pésame á familia, amigos e achegados de Francisco Lage. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que foi un profesional implicado no desenvolvemento do seu traballo e, con el á fronte, os bombeiros viviron unha época moi especial, coa profesionalización. Co seu pasamento marcha, dixo, "un excelente traballador e mellor persoa".