VÍDEO.- A Garda Civil realiza prácticas de abordaxe na Ría de Pontevedra
Por Redacción
A Ría de Pontevedra foi escenario este martes dunha serie de exercicios de adestramento con efectivos e embarcacións da Garda Civil. O obxecto dos mesmos foi que axentes do Grupo de Reserva e Seguridade (GRS-7) con sede na parroquia de Mourente puidesen realizar unha serie de exercicios prácticos.
Para poder executar o seu adestramento, contaron co apoio do Servizo Marítimo Provincial da Garda Civil e o Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas (GEAS) da Coruña.
As actividades comezaron este luns con clases teóricas dunhas Xornadas de Ambientación no Medio Acuático nas dependencias do GRS en Mourente e concluíron este martes cos exercicios prácticos, que consistiron na realización de varios simulacros de actuacións de apoio á manobra de rescate dunha persoa no medio mariño e a abordaxe entre distintas embarcacións do Servizo Marítimo Provincial.
Estas Xornadas de Ambientación no Medio Acuático realízanas os GRS no marco dos plans de adestramento que realiza periodicamente para prepararse para as súas funcións específicas.
O obxectivo é que os efectivos poidan resolver situacións extremas nas que sexa necesario apoiar adecuadamente aos equipos de avaliación ante emerxencias marítimas ou intervir en abordaxes de embarcacións sospeitosas de transportar materiais ilícitos ou sensibles.
Tamén se forman para colaborar co Servizo Marítimo e o GEAS na interceptación de embarcacións con inmigrantes que pretendan a entrada ilegal en territorio nacional, bloqueos de portos causados por mobilizacións de diversa índole, así como calquera outro tipo de intervención neste medio que requira a participación de forzas da Agrupación Rural e Seguridade.