O modelo urbano de Pontevedra esperta interese en Foz de Iguazú
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu unha conferencia no marco de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se está celebrando nestes días na localidade brasileira de Foz de Iguazú.
Co título "Modelo de mobilidade sustentable", Lores dirixiuse a prefectos e concelleiros da comarca, que integraban un público dunhas 50 persoas, entre os que se atopaba o rexedor de Foz de Iguazú, Francisco Lacerda, acompañado do secretario municipal de Turismo, Gilmar Antonio Piolla.
Na súa intervención no encontro internacional de cidades termais, o alcalde falou das grandes diferenzas entre as cidades europeas e americanas debido á distinta evolución histórica de cada unha, e explicou como Pontevedra logrou reducir o uso do automóbil fomentando unicamente o tráfico de necesidade e limitando todos os demais, xa sexa de paso ou por procura de aparcadoiro, unha situación que contribuíu a aumentar a seguridade viaria e a reducir a contaminación.
O modelo urbano de Pontevedra espertou o interese dos presentes, e tras a charla Francisco Lacerda ofreceuse a mostrar Foz de Iguazú a Miguel Anxo Fernández Lores para ensinarlle a política de mobilidade que quere implantar na súa localidade, que ten unha poboación superior aos 250.000 habitantes.