O PSOE da Lama abre un período de reflexión para elixir o seu candidato ás municipais
Por Redacción
Os socialistas da Lama buscan candidato para as próximas eleccións municipais, que se celebrarán en maio de 2017. O actual portavoz, Enrique Vaqueiro, non se descarta para volver presentarse, pero entende que se debe abrir un período de reflexión para buscar á persoa máis adecuada para liderar a candidatura.
"Non son eu o que teña que dar un paso adiante nin atrás", sinalou Vaqueiro nun comunicado. Aposta por un "diálogo permanente" cos seus compañeiros e os propios cidadáns da Lama para "entre todos facer a mellor lista".
O edil socialista lembra que o PSOE é un partido "democrático" que elixe os seus candidatos "por métodos democráticos", polo que sondará as posibles opcións que se presenten.
Enrique Vaqueiro asegura que "eu non podo tomar unha decisión son antes falar cos meus compañeiros e coas asociacións veciñais que integran todo o termo municipal" e coas que, lembra, traballou durante os sete anos que leva como portavoz.
En todo este tempo, lamenta Vaqueiro, o goberno municipal non deu as "facilidades que debería" para que a oposición poida facer o seu traballo.
Así, as últimas medidas foron o cambio dunha secretaria municipal independente ou a colocación dos horarios do pleno ao mediodía "para imposibilitar que os concelleiros da oposición que traballamos asistamos ao pleno".
A pesar diso, conclúe o comunicado, o portavoz socialista asegura que "tentei facer este traballo como creo que debo e sempre coa posta vista na recuperación da poboación perdida nun concello que camiña ao abismo polos seus serios problemas demográficos".