Case 8.000 nenos e nenas de Pontevedra regresan ás aulas esta semana
Por Redacción
En apenas 48 horas comezará un novo curso escolar en Galicia. O inicio das clases para os alumnos de Infantil e Primaria producirase o vindeiro mércores 12 de setembro. Será o día no que acabarán as vacacións os case 8.000 nenos e nenas que estudarán nos colexios da cidade de Pontevedra.
Serán en concreto 7.994 alumnos, un 1,53% menos que o curso pasado. Deles, 5.591 estudarán algún curso de Primaria, mentres que 2.403 farano en Infantil.
En toda a provincia, o mércores regresarán ás aulas de Infantil e Primaria un total de 74.578 nenos e nenas, correspondentes a 362 centros públicos, privados e concertados dos 61 municipios pontevedreses, segundo os datos da Consellería de Educación.
Tamén comezará o curso para os 514 alumnos que, este ano, están matriculados no réxime de educación especial.
No referido a profesorado, os datos estimados por Educación, a falta de que se realicen as contratacións de interinos e substitutos para cubrir as necesidades que se presenten ao comezo do curso, indicen que o conxunto do sistema educativo galego público terá 30.149 docentes.
O mesmo día que comeza o curso empezarán tamén a funcionar os servizos de transporte aos centros de ensino e de comedores escolares.
Neste último ámbito, a Xunta sinala que o número estimado de prazas en toda Galicia será de 75.699, das cales preto de 15.000 son xestionadas directamente polas ANPAS dos centros ou polos respectivos concellos.