Pisando forte ofrece 240 prazas en once cursos de formación para a mocidade
Por Alejandro Espiño
Once cursos de formación forman parte da programación dunha nova edición do programa Pisando forte, un ciclo formativo destinado a mozos de 16 a 35 anos.
A iniciativa, impulsada polo departamento de Xuventude do Concello de Pontevedra, busca ofrecer ás participantes ferramentas que lles permitan lograr empregos de maior calidade, mellorar as súas condicións laborais e fomentar o autoemprego.
O edil Alberto Oubiña presentou este venres a oferta de cursos dun Pisando forte que, este ano, virará ao redor de catro alicerces "fundamentais" como son o feminismo, o ecoloxismo, a integración e os novos hábitos de vida.
Así, en materia de ecoloxismo haberá cursos de manipulación de alimentos e normativa de alerxias e intolerancias, un taller sobre agricultura ecolóxica e o aproveitamento de plantas na contorna urbana e doméstico e un curso sobre educación ambiental e compostaxe.
Dous cursos de lingua de signos, un deles de carácter avanzado, son as propostas de integración; mentres que un taller de bos hábitos de alimentación e un curso de community manager formarán a oferta no campo de novos hábitos de vida.
Dentro da área de feminismo, Pisando forte ofertará un curso de oratoria desde a perspectiva de xénero, un taller de autoestima e empoderamento a través da fotografía, un curso de igualdade e xénero no deporte e dous obradoiros de autodefensa para mulleres.
Os cursos, que son gratuítos, están destinados a persoas empadroadas en Pontevedra aínda que, se sobran prazas, poderán apuntarse cidadáns maiores de 35 anos e residentes noutros concellos da comarca.
As inscricións pódense realizar na páxina web apuntate.pontevedra.gal ou nas oficinas do departamento de Xuventude, situadas na Casa da Luz. As características dos cursos que se impartirán e os requisitos para poder asistir pódense consultar en xuventude.pontevedra.gal.