A Xunta destinou máis de 400.000 euros para a posta a punto dos centros educativos pontevedreses
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este martes o EEI Concepción Crespo Rivas da capital da provincia co obxectivo de comprobar o remate dos traballos de cambio de carpintería exterior.
Na visita, o delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, a directora do centro e por responsables da Unidade Técnica de Educación.
Cores Tourís explicou que "Educación investiu nesta mellora máis de 60.000 euros co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética deste emblemático centro de Educación Infantil de Pontevedra".
Posteriormente, o delegado territorial tamén comprobou o remate dos traballos de reforma da instalación eléctrica realizados no CEIP Álvarez Limeses. En total, nesta obra investíronse por parte da Consellería de Educación, case 25.000 euros.
Nas últimas semanas, Educación puxo en marcha diversas obras de mellora e reforma nos centros da cidade do Lérez, co obxectivo de atender as necesidades máis urxentes dos colexios e os institutos da cidade. Deste xeito, destináronse máis de 400.000 euros na reforma da instalación eléctrica do CEIP de Barcelos e do Álvarez Limeses; no CEIP Vilaverde-Mourente, cambiouse tamén a instalación eléctrica e se levou a cabo uha rehabilitación integral enerxética, a mesma que se executou no CEIP Campolongo. No CEIP de Cabanas cambiouse a cuberta do patio infantil, ampliouse a aula de música do CEIP de Campañó e continuouse coa execución dun patio inclusivo no CEIP de San Martiño. No EEI Final Casalderrey instaláronse novos falsos teitos, así como ramplas no CEIP de Marcón e executouse o comedor de San Benito de Lerez en colaboración co concello de Pontevedra. Finalmente no CEIP da Xunqueira I realizáronse diversas obras de mellora e na Xunqueira II instaláronse novas ventás.
Nos centros de Secundaria, realizáronse varias obras no IES Sánchez Cantón, melloráronse aseos no Valle Inclán e executouse a separación de augas pluviais e fecais no Torrente Ballester. No caso do IES Frei Martín Sarmiento os traballos de mellora da pista polideportiva simultanearanse co curso escolar.
José Manuel Cores Tourís recordou que a Consellería de Educación leva investidos máis de 7,4 millóns de euros nos centros de Primaria e Secundaria da cidade de Pontevedra nos últimos anos.
Relacionadas:
-
O curso comenza nas escolas infantís da Galiña Azul
Por Redacción |
-
Piden que escolares de secundaria poidan usar o comedor do colexio Campolongo
Por Redacción |
-
Marín apura as melloras nos colexios públicos
Por Redacción |
-
Posta a punto dos colexios cara o inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Setembro faise costa arriba para as familias polo gasto escolar
Por Oskar Viéitez |