Investimento de 30.000 euros para seguir escavando o castro de Cálago, en Vilanova
Por Redacción
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará con 30.000 euros novos traballos arqueolóxicos no castro e mosteiro de Cálago, incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e localizado no núcleo urbano de Vilanova de Arousa, nun outeiro a escasos 100 metros da liña de costa actual.
A actuación realizarase a partir deste ano e é resultado dun convenio de colaboración asinado este venres polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán.
O convenio permitirá levar a cabo unha escavación e posterior consolidación de estruturas nalgunhas zonas deste xacemento. A Consellería asumirá o custe íntegro dos traballos e o Concello encargarase de elaborar e presentar o proxecto arqueolóxico concreto, que deberá contar coa aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
Os traballos circunscríbense a tres sectores da terraza norte do xacemento e abranguen unha superficie de 130 metros cadrados. Logo da escavación, procederase á consolidación provisional das estruturas exhumadas.
Román Rodríguez explicou que esta intervención ten como obxectivo poñer en valor este patrimonio ao tempo que contribuír ao seu coñecemento e difusión. Os traballos arqueolóxicos completaranse cunha serie de accións divulgativas como a creación dun blog e perfís en redes sociais, a organización de visitas concertadas durante todo o proceso de escavación e consolidación e de xornadas de divulgación dos resultados unha vez rematada a obra.
Dentro do programa de actuacións arqueolóxicas neste xacemento, a Consellería xa ten financiado por un importe de 16.500 euros outras actuacións de sondaxes arqueolóxicas e prospección xeofísica que permitiron a exploración do subsolo co fin de localizar a posición de posibles estruturas e cuxos resultados, ademais de ampliar o coñecemento científico deste xacemento, aportaron información relevante para a planificación das novas intervencións arqueolóxicas.