Agardan rematar as obras na estrada de San Vicente do Grove antes da Festa do Marisco
Por Oskar Viéitez
A Deputación, a través do departamento de Mobilidade, vén de reiniciar as obras na estrada provincial EP-9106 de San Vicente do Grove e adiantar así os prazos previstos para retomar os traballos, que foran paralizados a finais de xuño co fin de evitar molestias ás persoas usuarias das praias.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, nestes momentos a empresa está a realizar a demolición do firme diante da igrexa, onde se vai construír unha nova praza, e tamén a preparar a traza da vía para iniciar as pavimentacións da nova senda peonil e da calzada.
O adianto dos traballos foi consensuado co concello de O Grove e coa empresa adxudicataria ao ver que a afluencia de turistas era xa moderada con respecto ás semanas anteriores.
A intención, dixo Benítez, é apurar os prazos e ter executado o máximo posible das obras de cara á Festa do Marisco que se celebrará en outubro, e que volverá a atraer ao concello grovense un nutrido número de visitantes. Desta forma non só se cumprirían os prazos oficiais da obra (catro meses), senón que incluso se poderían acurtar se todo sae segundo o previsto.