O PP de Vilaboa pedirá explicacións polas verteduras incontroladas da rede de sumidoiros
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Popular en Vilaboa anunciou que pedirá explicacións ao goberno municipal polos fallos no saneamento que esta semana pasada contaminaron a contorna das Salinas, un espazo pertencente á Rede Natura, chegando ao extremo de ocasionar a morte da fauna existente.
Segundo denuncia o PP, unha brigada do Seprona e axentes da Policía Autonómica estiveron nas Salinas de Ulló, levantando acta e constatando a procedencia das verteduras.
Os populares advirten de que esta non é a primeira denuncia, "son moitas as denuncias neste sentido as que chegan ao Concello tanto no río Gafos como na contorna das Salinas, e a data actual o goberno municipal non solucionou os problemas das verteduras ".
Para o PP de Vilaboa resulta "totalmente inexplicable" que por parte do goberno municipal (PSOE+BNG) queiran dar exemplo con investimentos "arrogantes" no tratamento dos residuos orgánicos para compostaxe "cando somos moi deficientes nas verteduras ao medio natural causando tanto dano". Entre outras consecuencias o PP tamén sinala as sancións económicas derivadas "debido a que o concello está a incumprir as directivas europeas sobre depuración de augas residuais".
Finalmente os populares asegurou que "a concellería de medio ambiente é consciente deste grave problema, sen buscar unha solución" polo que anuncian que pedirán explicacións do sucedido "e sobre todo esixiremos medidas para que non volvan ocorrer estes lamentables feitos".