Vilaboa investirá un millón de euros no novo contrato do saneamento
Por Redacción
O Concello de Vilaboa investirá máis dun millón de euros no novo contrato da limpeza e mantemento da rede municipal de saneamento, que inclúe o control das estacións de bombeo, das canalizacións e na resolución de problemas das deficiencias da rede para o próximos catro anos.
O goberno local encárgase agora de redactar o prego de condicións para sacar o contrato a concurso.
A concesión inclúe ademais a realización dunha auditoría para localizar as principais deficiencias da rede, un texto que permitirá ao Concello acometer os investimentos necesarios para mellorar o servizo.
"Trátase dun elevado orzamento que imos asumir en solitario e confíamos en que os responsables de Augas de Galicia así o valoren e non haxa atrancos. Estamos a falar dun servizo básico que en Vilaboa conta cun 91 quilómetros de colectores, na súa maior parte de tipo unitario, e que é preciso revisar con detenimento", explicou o alcalde, César Poza.
O termo municipal está dividido en tres concas: a norte comprende as parroquias de Bértola e Figueirido, vertendo as súas augas á rede de Pontevedra; ao leste as parroquias de Figueirido e Vilaboa, vertiendo as súas augas á EDAR de Arcade e ao sur inclúe a de Santa Cristina e San Adrián de Cobres, que verten á EDAR de Riomaior.