Remata unha nova edición dos campamentos polideportivos Príncipe Felipe, que tiveron 301 participantes
Por Redacción
Un total de 301 nenos de entre 7 e 14 anos de toda a provincia de Pontevedra participaron este verán nos campamentos polideportivos Príncipe Felipe organizados pola Deputación de Pontevedra.
Esta semana rematou a sexta e última quenda destes campamentos, que cada ano teñen tan boa acollida que, unha vez máis, máis de 150 quedaron en lista de agarda. En cada unha delas un grupo de 50 rapaces pasaron unha semana de lecer e de deporte nas instalacións da Cidade Infantil Príncipe Felipe en Pontevedra.
Entre as accións que desenvolveron houbo actividades acuáticas coma waterpolo e piscina, deportes de aventura, deportes na natureza, actividades de rastrexo, xogos en inglés e cada quenda tamén tivo unha saída ao parque multiaventura de Marín.
O fío condutor dos campamentos polideportivos Príncipe Felipe deste ano xirou en torno ao respecto e ao coidado do medio ambiente. Pretendeuse así que os participantes tomen conciencia da importancia da natureza e da necesidade de coidala.
Desenvolveuse ademais a actividade 'Evitando lumes', unha iniciativa específica para concienciar sobre os lumes forestais. Para traballar nos contidos sobre o medio, en cada quenda, e en función da súa idade, os menores formaron parte de cadansúa brigada de axentes mediambientais, denominadas Monte Castrove, Illas Atlánticas, Monte Santa Tegra e Monte Cotorredondo.
Estes campamentos tamén teñen o obxectivo de ensinarlles a desenvolverse nun medio alonxado da súa familia, potenciando a súa maduración, a súa sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos saudables de hixiene, alimentación, saúde e ocio.