Adxudicada a segunda fase das obras de mellora do centro de día de Sanxenxo
Por Redacción
Despois da licitación a través da publicación no Perfil do Contratante da segunda fase das obras de mellora do Centro de Día Municipal de Sanxenxo, este xoves foron adxudicadas á empresa Degalle Construcións, por un importe de 61.710 euros.
Do total do orzamento, aproximadamente 30.000 euros, serán asumidos con fondos propios municipais. O importe restante será asumido pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, a través dunha subvención recentemente concedida.
Para esta actuación redactouse un proxecto que consistirá na substitución do revestimento exterior da fachada, da instalación dunha marquesiña na zona de entrada e un soportal de comunicación entre a sala do centro e a zona axardinada.
En canto á fachada, vai substituír o actual cerramento de plaqueta de lousa por unha fachada ventilada con paneis de aluminio. Isto faise para lograr un maior illamento ao frío e á calor e para liquidar o problema de filtracións de auga.
A marquesiña mellorará as entradas e saídas ao Centro dos usuarios, resgardándoos do frío, do sol e da choiva. Esta estrutura terá unha dimensión de 34 metros cadrados.
Por último, a pérgola na terraza interior, de 35 metros cadrados, permitirá utilizar un espazo que na actualidade está en desuso, para saír ao exterior do edificio, quedando resgardados do sol e da choiva.
A intención é que as obras poidan iniciarse a próxima semana e establécese un prazo de execución de 3 meses.
O Centro de Día está a piques de cumprir 15 anos desde a súa posta en marcha e o uso e o paso do tempo provocaron que parte da infraestrutura necesitase unha actuación de acondicionamento, mellora e renovación.