"Grato sabor" no goberno local de Marín pola "masiva" Festa Corsaria
Por Redacción
A sétima edición da Festa Corsaria celebrada esta fin de semana, deixou un "gratísimo sabor de boca" no Concello de Marín pola "masiva participación" segundo valorou este luns o goberno local.
O equipo da alcaldesa María Ramallo destacou que este ano "se bateron todos os records de participación", tanto nas solicitudes de mesas de particulares e hostalería, como sobre todo na afluencia de persoas que acudiron a Marín.
Tras a análise dos datos, o Concello calcula que máis de 10.000 persoas comeron e cearon polas rúas durante os dous días de celebración da festa.
Outro dos datos que destacan os organizadores é a "masiva afluencia de persoas que se achegaron durante ese día á vila" unha circunstancia que contribúe á consolidación desta cita no calendario festivo da comarca.
Neste sentido, o goberno local considera "vital" evitar coincidencias con outros eventos festivos como son os fogos de Loira.
Na presente edición un total de 76 entidades e máis de 1.200 persoas participaron nas actuacións, espectáculos, artesáns, animación, música, e demais "apostando sempre polo tradicional e polo da terra", destacan.
Un dos aspectos que a organización coidou con celo foi o plan de seguridade e tráfico, baixo a coordinación da Policía Local.
A organización, xa traballa na edición do 2019 que xa ten data e seguirá sendo o terceiro fin de semana de agosto, os días 16 e 17 de agosto e sobre todo traballar en mellorar o desembarco pirata que tivo unha gran asistencia de público, causando que a praza de España quedouse pequena, provocando problemas de visibilidade nos asistentes, por iso xa se está pensando en posibles maneiras de mellorar.
Outro tema para mellorar é lograr máis implicación por parte da hostalería, no que se refire a decoración e ambientación das súas terrazas.