Detidos por atracar un bar de Bora coa cara tapada e un coitelo de grandes dimensións
Por Redacción
A Policía Nacional conseguiu esclarecer un roubo con violencia rexistrado no bar Borabora da parroquia pontevedresa de Bora hai un mes e deter aos seus supostos responsables, dous veciños de Pontevedra de 20 e 22 anos con antecedentes policiais.
Os feitos agora esclarecidos producíronse sobre as 00.10 horas do 15 de abril. A empregada do bar Borabora chamou á Comisaría alertando de que acababa de ser vítima dun roubo con intimidación. Varias patrullas desprazáronse ao lugar e a denunciante explicoulles que todo sucedera cando se dispoñía a pechar o local e entraron dous individuos coa cara tapada.
Un de asaltantes esgrimía un coitelo de grandes dimensións co que ameazou a muller para que lle dese o diñeiro da caixa, sobre 600 euros en efectivo. O outro arrebatoulle un martelo con lle que estaba a pechar as ventás do bar e comezou a golpear a máquina comecartos.
Finalmente, leváronse a caixa da comecartos, do que descoñece a cantidade de diñeiro que puidese conter. A continuación, saíron fuxindo do lugar nun vehículo.
As investigacións deron os seus froitos o luns 13 de maio coa localización e detención dos dous supostos atracadores. Tras pasar pola Comisaría, foron postos a disposición do Xulgado de Garda de Pontevedra.