Animalistas alertan da presenza de elementos "posiblemente" tóxicos na Horta do Cura para eliminar gatos
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber recolleron as queixas de xestores de colonias de gatos rueiros de Pontevedra ante a aparición duns elementos con aparencia tóxica na Horta do Cura, nun espazo onde se están levando a cabo obras e onde habitualmente se atopa unha colonia de gatos, na zona da Rúa Don Filiberto.
Desde estes colectivos defensores dos animais lembran que a colocación de calquera tipo de produto tóxico na vía pública, destinado a matar animais e que poida resultar potencialmente perigoso para os veciños é unha conduta que se atopa tipificada como delito no Código Penal, con penas de ata dous anos de prisión.
Tamén a vía administrativa, a través da Lei de Benestar Animal de Galicia, contempla sancións de ata 30.000 euros por ocasionar a morte intencionada de animais.
Reclaman ao goberno local unha maior atención e contundencia para previr posibles mortes de felinos nestas colonias.