Interveñen zapatillas deportivas, camisetas, roupa interior e calcetíns falsificados na feira de Marín
Por Redacción
As policías Local e Nacional de Marín interviñeron nos últimos días unha partida de roupa falsificada que se estaba vendendo nun dos postos de venda do mercado ambulante da rúa Sol da localidade.
Segundo deu a coñecer o Concello, o pasado xoves a Policía Local de Marín tivo coñecemento de que se estaban vendendo pezas falsificadas e desprazáronse ao lugar axentes deste Corpo e unha dotación da Policía Nacional, comprobando que efectivamente nese posto había á venda produtos que reunían as características para presumir que estaban falsificados.
Nesas pezas figuraban anagramas e nomes de marcas recoñecidas como Adidas, Levis, Hugo Boss, Tommy Hilfiger, Emporio Armani, Polo Ralph Lauren, Lacoste, Nike, Reebok ou Converse All Star e non constaba a etiqueta do rexistro do fabricante. Ademais, os axentes comprobaron que non reunían as medidas de seguridade mínimas que dispoñen os mencionados produtos.
Unha vez identificada a titular da licenza municipal para a venda, foi informada da presunta comisión dun delito contra a propiedade industrial, do que se dará conta ao xulgado. A Policía Nacional instrúen dilixencias
A continuación, procedeuse á intervención dos artigos expostos, entre eles, zapatillas deportivas, camisetas, roupa interior e calcetíns. Dada a gran cantidade de artigos intervidos, foi necesario a utilización dun furgón dos servizos municipais para o seu traslado a dependencias policiais.