VÍDEO.- A Policía Local de Marín comisa roupa falsificada nun posto do mercado de venda ambulante
Por Anxo Lourido
Cinco axentes da Policía Local de Marín interviñan este xoves no mercadillo ambulante catro caixas de diferentes tamaños que almacenaban roupa e diferente material téxtil. A actuación levouse a cabo ao redor das 11.30 horas entre a Rúa Real e a Rúa do Sol cando os axentes comprobaron a presenza duns artigos de diferentes marcas que ofrecían indicios de ser falsificados.
Inicialmente, a mercadoría atopábase no posto dun inmigrante, que ao ser reclamado polos axentes pola presenza destes produtos situados en varias caixas, indicou que non eran seus e sinalou a outra das vendedoras como a propietaria deste material.
Os axentes trasladaron as cestas e caixas nas que se atopaba a mercadoría ata un coche da Policía Local ante as protestas da presunta propietaria. Dous axentes da Policía Nacional tamén se achegaron ata a zona para evitar que se rexistrasen incidentes.
Os artigos foron trasladados a dependencias policiais para a súa comprobación, ao mesmo tempo que se tomou declaración aos dous vendedores ambulantes. Na mesma zona atopábase a concelleira de Comercio do Concello de Marín, Cristina Acuña, que sinalou que este tipo de intervencións se realizan para controlar as accións contra a propiedade industrial. A primeiros de agosto tamén se levou a cabo outra actuación policial polo mesmo motivo nesta zona do mercadillo de Marín.