Un "domingo negro" de atascos en Combarro, segundo o PP de Poio
Por Redacción
O pasado domingo 12 de agosto viviuse un "domingo negro" en Combarro, asegura o Partido Popular de Poio.
Segundo o seu concelleiro Tucho Muíños, a parroquia colapsou nun momento de grande afluencia turística, empezando polas "retencións quilómetricas" na baixada á Chousa, a Avenida Francisco Regalado, as rúas da parte alta e a PO-308, uns atascos "en gran medida provocadas por veciños e visitantes que buscaban apartamento, sen que houbese un dispositivo para axilizar o tráfico", critica o PP.
Muíños cualifica de "odisea" o vivido por veciños e visitantes, e asegura que chegaron a tardar "horas en aparcar", chegando algúns turistas a desistir no intento e abandonar o municipio.
Para o edil tampouco axudaron as ducias de coches multados, especialmente de turistas, por estar mal estacionados na PO-308 pero tamén nas rúas interiores, xa que "aínda que os coches que están mal estacionados están ben multados, hai que ir ao fondo do problema que é a falta de estacionamento en Combarro e en todo Poio", defendeu.
Outros motivos de crítica para a oposición ao goberno local centráronse na falta de persoal na oficina de turismo motivando o seu peche en pleno domingo de agosto ou a imaxe negativa de colectores de lixo desbordados na Chousa ou en pleno paseo marítimo.