Operativo especial de tráfico da Policía Local con motivo dos eventos taurinos
Por Redacción
A Policía Local desenvolverá un operativo especial de tráfico con motivo da celebración das corridas de touros durante o sábado e o domingo nunha fin de semana na que se espera unha presenza masiva de condutores e peóns na contorna da cidade con motivo do inicio das Festas da Peregrina.
Este sábado 11 de agosto, desde as 08.00 horas prohibirase o estacionamento nas rúas próximas á Praza de Touros: Víctor Said Armesto, Campo da Torre e Nostradamus Lourido.
A partir das 18.00 horas, tanto durante a xornada do sábado como do domingo, quedarán para uso exclusivo de peóns as rúas Alameda, Reina Vitoria e boa parte de Paseo de Colón e San Roque, ademais das que rodean o "coso taurino" e outras menores, por motivos de seguridade.
Será necesario despregar un total de 25 valos con sinalización efémera. A avenida de San Roque quedará cortada en As Corbaceiras en sentido de subida cara á Alameda. Tamén se cortará o Paseo de Colón á altura da rúa Monteleón, de forma que os vehículos que circulen por esta vía desde a Ponte da Barca, deben dirixirse cara á avenida de Uruguai, como xa sucedeu outros anos. Os coches que circulen desde a avenida de Uruguai pola rúa Irmáns Nodais terán que regresar á zona das Corbaceiras por San Roque.
O goberno local ten previsto reforzar os operativos humanos da Policía Local con motivo da celebración taurina como durante a festa posterior. Tamén se contará con dispositivos da Policía Nacional, corpo co que se coordinaron os operativos para este fin de semana que se prevé multitudinario.