As atraccións das festas da Peregrina sométense a exame
Por Redacción
Tal e como foi habitual nos últimos anos, o Concello de Pontevedra encargou á empresa Enmacosa Consultoría Técnica unha inspección das atraccións itinerantes das festas da Peregrina para garantir a súa seguridade.
Os técnicos da devandita empresa comezaron este xoves para supervisar as estruturas montadas nas rúas Alameda, Montero Ríos e Raíña Vitoria e que poderán abrir ao público durante a tarde do venres, un día antes do inicio oficial da Semana Grande.
Todas as revisións realízanse na súa maior parte mediante unha inspección visual das condicións da montaxe, do estado de conservación da instalación e do mantemento dos materiais.
Entre os aspectos para revisar atópanse a comprobación da documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil, libro de operacións, manual técnico ou proxecto), que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos de corrosión ou deficiencias nos cordóns de soldaduras e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Analízanse ademais outros requisitos sobre a seguridade do público e da contorna, como a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os percorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano.
Con respecto á estabilidade estrutural, a empresa controla que letreiros, focos ou carcasas teñan garantías de solidez, do mesmo xeito que cordas, arneses, tensores e demais elementos de seguridade.
O traballo de Enmacosa Consultoría Técnica complétase finalmente cunha revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade.