Un helicóptero aterra na praia da Carabuxeira para atender un bañista, que finalmente faleceu
Por Natalia Puga
Un veciño de Sanxenxo de 67 anos faleceu este domingo mentres gozaba da tarde na praia da Carabuxeira, en Sanxenxo. As primeiras informacións apuntan a que o home sufriu un infarto mentres se bañaba e, a pesar de que foi rescatado da auga e un helicóptero desprazouse rapidamente ata o areal, nada se puido facer por salvar a súa vida.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, todo sucedeu sobre as 17.30 horas deste domingo. O home estaba a bañarse e tivo que ser rescatado da auga. Unha vez na area, practicóuselle a reanimacion cardiopulmonar, pero nada se puido facer por salvar a súa vida.
Fontes municipais indicaron que as primeiras persoas en facerlle a manobra de reanimación foron tres médicas que estaban na praia, unha delas cardióloga. A pesar de que tentaron reanimarlle durante media hora, todos os intentos resultaron inútiles e finalmente faleceu.
Ata a praia desprazouse un helicóptero medicalizado con base en Santiago, que aterrou no propio areal, a poucos metros do lugar no que o home estaba a ser atendido. A praia foi desaloxada por efectivos da Policía Local de Sanxenxo e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da localidade para permitir esa aterraxe.
O falecido era moi coñecido en Sanxenxo porque traballara durante anos como conserxe no colexio da Florida, traballo do que se xubilou recentemente, segundo indicaron fontes municipais.