O Partido Popular propón unificar os cinco puntos de atención turística da cidade
Por Redacción
O Partido Popular propón racionalizar e unificar os servizos que prestan as oficinas de turismo en Pontevedra, hoxe espalladas en catro locais (cinco contando o existente na Estación de Autobuses) nun radio de menos de 200 metros no centro urbano. Asegura o seu voceiro, Jacobo Moreira, que esta reorganización serviría tanto para aforrar custes como para facilitar a atención aos visitantes.
Afirmouno trala entrevista que mantivo coa directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro. Moreira recorda que na cidade de Pontevedra están operativas a día de hoxe as oficinas de Turismo da Xunta, na esquina das rúas de Riestra e Marquesa, da Deputación, no Palacete das Mendoza, e do Concello, na Casa da Luz (praza da Verdura), nunha caseta habilitada na praza de España e na Estación de Autobuses.
"Esta dispersión pode xerar ata certo desconcerto entre os turistas e entre os propios veciños de Pontevedra, que dificilmente distinguirán sobre a conveniencia de dirixirse a un ou outro establecemento", explica Moreira, que asegura que xa constatou a disposición de Xunta e Deputación a estudar esa unificación e que preparará unha proposta para que o Concello tamén se sume á iniciativa.